Decreto 141/2012 de 21-06, Reglamento marco Servicio Público de Saneamiento y Depuración de Aguas Residuales de Galicia
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
DECRETO 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia.
- DISPOSICIÓNS XERAIS
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
DECRETO 142/2012, do 14 de xuño, polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia.
A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, obriga ao rexistro de todas as explotacións gandeiras. O Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral das Explotacións Gandeiras desenvolve a prescrición legal e inclúe expresamente as explotacións equinas.
As bases do actual sistema de identificación individual dos cabalos quedou definida no Regulamento (CE) 504/2008, da Comisión, do 6 de xuño, polo que se aplican as directivas 90/426/CEE e 90/427/CEE no que se refire aos métodos de identificación dos équidos. Esta norma establece a utilización de transpondedores electrónicos como método xeral de identificación, aínda que permite aos Estados membros a utilización de marcas alternativas en certas condicións. Igualmente, a disposición comunitaria faculta as autoridades competentes dos Estados membros a eximir da obriga de identificación determinadas poboacións de équidos salvaxes que se manteñen confinadas en áreas definidas, mentres non as abandonen.
O Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina, modificado polo Real decreto 1701/2011, do 18 de novembro, sinala as condicións de aplicación da normativa comunitaria no Estado español e prescribe a marca auricular electrónica como a única alternativa autorizada na identificación de animais nados en explotacións de produción e reprodución cuxo obxectivo sexa a produción de équidos de abasto.
Con base no decreto estatal, co obxecto de ditar as disposicións particulares de execución do sistema de identificación e rexistro dos équidos na Comunidade Autónoma de Galicia, publicouse a Orde do 29 de marzo de 2010 pola que se establecen medidas en relación co sistema de identificación dos équidos na Comunidade Autónoma de Galicia.
O Real decreto 804/2011, do 10 de xuño, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e se establece o plan sanitario equino, establece con carácter básico o marco normativo da ordenación zoosanitaria das explotacións equinas en España e dita normas relativas ao rexistro de explotacións, á infraestrutura zootécnica e normas de sanidade e benestar animal. Nesta normativa estatal recóllense as directrices marcadas pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, polo que en consonancia con esta normativa, é necesario recoller neste decreto a posibilidade, segundo o tipo de explotación que se trate, da existencia dunha declaración responsable do titular de explotación ou ben da autorización expresa por parte da autoridade competente, como requisitos para o inicio da actividade nestas explotacións.
Con anterioridade a estas normas, publicarase o Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas. Esta disposición quedou en moitos aspectos superada pola normativa básica estatal posterior. Precisa, por tanto, dunha ampla revisión que aconsella, por razóns de seguridade xurídica, optar pola derrogación da norma e ditar un novo decreto de aplicación en Galicia que integre nun único documento o marco dispositivo comunitario e estatal que, ademais, facilite a comprensión do texto por parte dos destinatarios da norma.
Galicia conta cun sistema de explotación de cabalos en réxime de liberdade que, pola súa dimensión e dispersión, non ten parangón noutros puntos do Estado. Varios aspectos deben ser recollidos para o seu tratamento.
En primeiro termo, só unha pequena parte destes cabalos de monte carecen de propietario. O feito da propiedade efectiva sobre os animais elimina de facto a súa condición de fauna silvestre, entendida esta como un ben natural de dominio público. Esta realidade non é contraditoria coa vida en liberdade dos animais en hábitats de extensión limitada, en xeral baixo o control de asociacións de gandeiros que en moitos casos levan anos a traballar na conservación desta secular forma de explotación. As súas importantes implicacións ambientais, sociais, culturais, históricas, turísticas e patrimoniais xustifican a súa conservación e a protección dos cabalos fronte a prácticas incompatibles co benestar animal.
Por outra parte, son igualmente manifestas as múltiples incursións dos cabalos en estradas, poboacións ou propiedades públicas e privadas provocando danos a terceiros ou poñendo en perigo a seguridade viaria. De feito, non se constata a existencia en Galicia de áreas poboadas por cabalos xeograficamente illadas.
Resulta, por fin, innegable que boa parte do territorio sobre o que se asentan as eguadas é monte que, en ocasións, non pertence aos propietarios dos animais. Cómpre, por tanto, definir unha base normativa que estableza as condicións de convivencia entre os lexítimos propietarios das terras e os gandeiros que as utilizan ou pretenden utilizar.
Con estas premisas, non resulta adecuado establecer unha excepción á obriga de identificación dos équidos que viven en liberdade nos montes de Galicia. Antes ben, convén buscar un ordenamento equilibrado entre o interese xeral de conservación dos cabalos como elemento diferencial de Galicia e os intereses particulares das distintas partes implicadas: gandeiros, comunidades de montes, propietarios de superficies agrícolas e forestais e cidadanía en xeral.
O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu título II as competencias da Comunidade. Segundo o seu artigo 30.3º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1º, 11 e 13 da Constitución.
En consecuencia, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catorce de xuño de dous mil doce,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto
O obxecto deste decreto é o seguinte:
- Regulamentar o desenvolvemento da aplicación en Galicia das medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas.
- Crear o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.
- Establecer o réxime dos pastos de uso en común.
- Establecer e regular o sistema obrigatorio de identificación individual dos équidos e o seu rexistro.
- Regular o control e a comunicación de movementos de équidos.
- Regular as bases de administración e réxime dos équidos mostrencos.
- Ditar as normas de aplicación ás paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
As disposicións contidas no presente decreto son de aplicación para todos os équidos e as explotacións equinas radicadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, será de aplicación para équidos cuxa estancia temporal na Comunidade Autónoma de Galicia supere o período de tres meses.
Artigo 3. Definicións
- Para os efectos deste decreto, serán de aplicación as definicións contidas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA), no Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina, e no Real decreto 804/2011, do 10 de xuño, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e se establece o plan sanitario equino.
- Así mesmo, entenderase como:
- a) Persoa titular de explotación equina: calquera persoa física ou xurídica ou, se é o caso, unha comunidade de montes veciñais en man común que sexa propietaria ou responsable, por calquera título distinto ou de dominio, dunha explotación equina.
- b) Pastos de uso en común: son terreos forestais ou agrícolas,independentemente da súa titularidade, sobre os que se poden asentar explotacións equinas de varias persoas titulares autorizadas polos propietarios dos terreos ao aproveitamento en común das producións forraxeiras desas superficies.
- c) Persoa responsable de pasto de uso en común: a persoa, física ou xurídica ou unha comunidade veciñal de montes en man común, titular do dereito de aproveitamento de pastos, coincida ou non coa persoa propietaria do terreo, e que asume, ademais das obrigas derivadas do negocio xurídico privado de explotación que corresponda, as establecidas neste decreto derivadas do aproveitamento en común dos pastos.
- d) Documento de identificación equina (DIE): documento identificador do équido cuxo formato e contidos están de acordo co disposto no Regulamento (CE) 504/2008 e o Real decreto 1515/2009, e que para os équidos de crianza e rendemento identificados en Galicia responderá ao modelo do anexo IV deste decreto.
- e) Parada de sementais equinos: establecementos autorizados que, con carácter temporal ou permanente, se destinan á monta natural para dar servizo a terceiras persoas e/ou á extracción de seme para a inseminación, en fresco ou refrixerado, de eguas que acudan á propia instalación.
- f) Semental: exemplar équido macho, enteiro, de desenvolvemento e idade suficiente para a reprodución, non enfermo, exento dalgunha tara ou defecto que diminúa ou anule a súa capacidade reprodutiva e que non transmita características negativas á súa descendencia.
- g) Femia para a cubrición en parada: exemplar équido femia, de desenvolvemento e idade suficiente para a reprodución, non enfermo, exento dalgunha tara ou defecto que reduza ou anule a súa capacidade reprodutiva e que non transmita características negativas á súa descendencia.
- h) Équido mostrenco: animal equino que deambula en liberdade nos espazos agrícolas ou forestais, núcleos de poboación ou vías de comunicación terrestre, sen identificación constatada pola autoridade competente.
- i) Autorización expresa de pastoreo: documentación acreditativa da autorización expresa do propietario dos terreos ao pastoreo. No caso dos montes veciñais en man común, a autorización debe ser por acordo expreso da Asemblea Xeral da comunidade propietaria cos requisitos establecidos na lexislación de montes veciñais en man común. En todo caso, o pastoreo estará expresamente regulado no correspondente instrumento de ordenación ou xestión forestal e a súa práctica levarase a cabo consonte o establecido nel.
CAPÍTULO II ORDENACIÓN ZOOTÉCNICA E SANITARIA DAS EXPLOTACIÓNS EQUINAS
Artigo 4. Clasificación das explotacións equinas
- Sen prexuízo do establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, as explotacións equinas de Galicia clasificaranse consonte as especificacións do artigo 3 e do anexo I do Real decreto 804/2011.
- As explotacións extensivas clasifícanse en dous subgrupos:
- a) Explotacións extensivas de équidos en liberdade: aquelas explotacións extensivas asentadas sobre terreos agrícolas ou forestais, xa sexan públicos ou privados, onde se explotan baixo control os animais en completa liberdade.
- b) Explotacións extensivas en réxime pechado: aquelas explotacións extensivas asentadas sobre terreos pechados perimetralmente que impidan eficazmente a saída de animais dos terreos de pastoreo.
Artigo 5. Inicio da actividade das explotacións equinas
Os centros de concentración de équidos, incluíndo os depósitos e paradas de sementais e os centros de reprodución, os centros de animais de experimentación, os matadoiros de équidos, os postos de control, as explotacións de reprodución para produción de carne ou mixtas e as explotacións de ceba precisarán de autorización previa da autoridade competente con anterioridade ao inicio das súas actividades. O resto das explotacións equinas definidas no anexo I do Real decreto 804/2011 só precisarán da presentación dunha declaración responsable, conforme o modelo do anexo II.
Artigo 6. Requisitos de instalación das explotacións equinas
- As explotacións equinas cumprirán coas condicións de localización e requisitos xerais das construcións e instalacións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 4 do Real decreto 804/2011.
- As explotacións extensivas en réxime de liberdade están exentas da obriga de disposición dun valado perimetral ou sistema equivalente establecida na alínea a) do artigo 4.3 do Real decreto 804/2011, salvo nos casos en que por resolución motivada do órgano forestal a actividade gandeira poida xerar un risco manifesto para as explotacións agroforestais ou para a seguridade viaria ou persoal. Así mesmo, nestas explotacións considérase aceptable a dispoñibilidade de auga proveniente dos recursos naturais, sen menoscabo da subministración adicional de auga de calidade cando as circunstancias climáticas así o exixan.
- As explotacións de pequena capacidade e as explotacións extensivas de équidos en liberdade estarán exentas de cumprir os requisitos de distancias mencionados no artigo 4.2 do Real decreto 804/2011, agás que a unidade competente en materia de gandaría considere que existe risco para a sanidade animal.
- A consellería competente en materia de gandaría poderá autorizar a instalación doutras explotacións equinas que non cumpran as distancias establecidas no artigo 4.2 do Real decreto 804/2011. Esta autorización estará baseada en motivos de sanidade, benestar animal, reordenación ou concentración de explotacións ou por motivo das particulares condicións xeográficas da área en cuestión.
Artigo 7. Condicións sanitarias e de benestar animal das explotacións equinas
- As explotacións equinas disporán dun programa hixiénico-sanitario básico supervisado pola persoa veterinaria designada polo titular da explotación, consonte co disposto no artigo 4.4 do Real decreto 804/2011.
- As explotacións de pequena capacidade e os centros de concentración de équidos de carácter temporal, salvo as paradas, quedan eximidas do cumprimento do mencionado programa hixiénico-sanitario.
- Nas explotacións extensivas, o programa de bioseguridade e benestar animal será axeitado ás características das explotacións e recollerá expresamente o control da non utilización de instrumentos que limiten a mobilidade dos animais.
- As explotacións extensivas de équidos en liberdade poderán optar polo enterramento dos subprodutos animais e cadáveres de équidos mortos dentro da propia explotación, logo de autorización da entidade propietaria dos terreos e da consellería competente en materia de gandaría.
Artigo 8. Rexistro Galego de Explotacións Equinas
- Integrado no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA), creado polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, establecese o Rexistro Galego de Explotacións Equinas (RGEE), no cal figurarán inscritas a totalidade das explotacións de équidos da Comunidade Autónoma de Galicia, independentemente do número de animais que as compoñan. A consellería competente en materia de gandaría será a responsable da xestión do rexistro, no cal figurarán cando menos os seguintes datos:
- a) Código de identificación da explotación asignado pola consellería competente en materia de gandaría.
- b) Datos da persoa titular da explotación: apelidos e nome ou razón social, NIF, enderezo completo e teléfono.
- c) Datos doutras persoas titulares relacionadas coa explotación ou cotitulares: nome e apelidos ou razón social, NIF e relación coa explotación.
- d) De ser o caso, datos da persoa responsable do pasto de uso en común: nome e apelidos ou razón social, NIF, enderezo completo e teléfono.
- e) Clasificación ou clasificacións que correspondan á explotación de conformidade co establecido no artigo 4 deste decreto.
- f) Especie de équidos que alberga.
- g) Datos da localización principal da explotación: enderezo completo ou lugar, e coordenadas xeográficas (lonxitude e latitude).
- h) Estado no rexistro, alta, inactiva ou baixa, de conformidade co establecido no artigo 3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.
- i) Censo, desagregado segundo as seguintes categorías de animais: animais de menos de 6 meses, animais maiores de 6 meses e menores de 12 meses, animais maiores de 12 meses e menores de 36 meses, sementais, femias de ventre e animais non reprodutores (todos maiores de 36 meses), e data de actualización do dito censo.
- j) Para cada animal identificado individualmente, os datos establecidos no anexo IV do Real decreto 1515/2009, modificado polo Real decreto 1701/2011, así como o código da explotación de nacemento e os datos do propietario no caso de que non coincida cos do titular da explotación.
- k) Se procede, capacidade máxima.
- l) Cando proceda, datos da agrupación de defensa sanitaria.
- m) Datos do persoal veterinario responsable da explotación, agás para as explotacións equinas de pequena capacidade.
- No Rexistro Galego de Explotacións Equinas integrarase o Rexistro de Paradas Equinas, que incluirá a sección do Rexistro de Sementais Equinos.
- Os datos correspondentes ao Rexistro Galego de Explotacións Equinas serán incluídos na base de datos da consellería competente en materia de gandaría denominada Sistema Integrado, para os efectos do establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Estes datos serán tratados segundo o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
Artigo 9. Solicitude de inscrición no Rexistro Galego de Explotacións Equinas
- A inscrición no rexistro realizarase por instancia da persoa titular, que deberá presentar unha declaración responsable ou unha solicitude de autorización previa de actividade, segundo corresponda, perante o/a xefe/a territorial da consellería competente en materia de gandaría, logo do pagamento das taxas correspondentes de acordo cos modelos de solicitude de inscrición en rexistro establecidos no anexo I (solicitude previa de autorización) e II (declaración responsable) deste decreto. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:
- a) Fotocopia do DNI/NIF da persoa titular da explotación salvo que, no caso das persoas físicas, de conformidade co disposto na documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, autoricen a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade.
- b) Memoria da actividade, que incluirá:
- Descrición da actividade que se realiza.
- Bosquexo ou planos de instalacións.
III. Descrición das superficies:
- a) No caso de explotacións en réxime extensivo pechadas, descrición das parcelas que compoñan a explotación.
- b) De asentarse sobre superficie forestal, a descrición das parcelas incluirá o plano da parcela a escala adecuada ou ficha SIXPAC onde veña claramente delimitada a superficie real que se utilizará para o aproveitamento de pastoreo.
- c) No caso de explotacións en réxime de liberdade, a descrición consistirá na delimitación en plano catastral da zona de ocupación das eguadas.
- d) De asentarse sobre superficie protexida dun espazo pertencente á Rede Natura 2000, incluirase na descrición o nome do lugar de interese comunitario (LIC) e o plano das parcelas incluídas.
- e) De asentarse sobre pastos de uso en común suxeitos a autorización expresa de pastoreo, indicarase o nome e enderezo da entidade propietaria dos terreos.
- Programa sanitario básico referido no artigo 6 do presente decreto.
- Autorización expresa de pastoreo cando se trate de terreos forestais.
- c) Coordenadas xeográficas.
- d) Se procede, declaración censual, segundo o modelo do anexo VI deste decreto, en que se indique o censo inicial da explotación.
- e) Documentación acreditativa do pagamento das taxas que correspondan.
- As explotacións de pequena capacidade e aquelas suxeitas á presentación unicamente da declaración responsable, consonte o parágrafo primeiro do artigo 5, non precisarán presentar a memoria de actividade recollida na alínea b) do número anterior; non obstante, declararán responsablemente o cumprimento das obrigas inherentes á integración da superficie da súa explotación na Rede Natura 2000 e, cando proceda, a dispoñibilidade da preceptiva autorización expresa de pastoreo.
Artigo 10. Inscrición no Rexistro Galego de Explotacións Equinas
- As solicitudes de rexistro presentaranse nas oficinas agrarias comarcais en cuxo ámbito se sitúe a explotación ou nos lugares e polos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, será posible a presentación de solicitudes de rexistro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es), de acordo co establecido no Decreto 198/2012, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
- No prazo máximo de 3 meses desde a entrada da solicitude no rexistro da consellería competente en materia de gandaría, deberá ser ditada a resolución polo xefe/a territorial correspondente. A inscrición no rexistro comporta a asignación do código de identificación da explotación, segundo o establecido no artigo 5 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. No caso de que no citado prazo non se emita resolución expresa, a solicitude entenderase aceptada por silencio administrativo.
- A persoa titular da explotación, sen menoscabo da necesaria comunicación dos movementos dos équidos, exixida no artigo 19, deberalle comunicar á consellería competente en materia de gandaría os cambios nos datos consignados no rexistro no prazo dun mes desde que estes se produzan. Así mesmo, a persoa titular da explotación deberalle comunicar á consellería competente en materia de gandaría, antes do 1 de marzo de cada ano, o censo existente na explotación no 31 de decembro do ano anterior, entregando a oportuna declaración censual sinalada no anexo VI deste decreto na oficina agraria comarcal correspondente á localización da explotación ou mediante medios telemáticos, no enderezo web http://mediorural.xunta.es/institucional/oficina_virtual
- No caso de que a explotación se asente sobre terreos forestais, con carácter previo á autorización da explotación comprobarase a inscrición da superficie declarada no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. No caso de figurar rexistrada como zona limitada ao aproveitamento polo gando, denegarase a autorización.
- No caso de que a explotación sexa obxecto de autorización previa e se asente sobre terreos protexidos dun espazo da Rede Natura 2000, con carácter previo á autorización da explotación, a dirección xeral competente en materia de gandaría solicitaralle informe de compatibilidade da actividade á dirección xeral competente en conservación da natureza, que deberá emitir informe nun prazo máximo de 10 días. Transcorrido ese prazo sen emitir o dito informe, entenderase que a explotación é compatible coa conservación da natureza. No caso de resultar algunha das parcelas da explotación incompatible co aproveitamento polo gando, denegarase a autorización para as ditas parcelas ou imporanse unhas condicións que garanta a súa conservación.
- O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste decreto poderá dar lugar á baixa no rexistro, logo da tramitación do oportuno procedemento administrativo.
Artigo 11. Libro de explotación
- As explotacións autorizadas dotaranse dun libro de rexistro de explotación e de cantos rexistros adicionais se requiran regulamentariamente. O libro de rexistro poderá ser levado de xeito electrónico ou informatizado.
- O titular da explotación será responsable da consignación no libro dos movementos de entrada e de saída de animais na explotación.
- O libro de rexistro axustarase ao modelo do anexo III deste decreto e nel figurarán os seguintes datos:
- Datos xerais da explotación:
- a) Nome da explotación.
- b) Código de rexistro da explotación (código REGA).
- c) Localización: enderezo ou lugar e coordenadas xeográficas.
- d) Datos da persoa titular: nome e apelidos ou razón social, NIF, enderezo e teléfono.
- e) Censo no 31 de decembro de cada ano conforme o disposto no artigo 8.
- f) Incidencias en identificacións.
- g) Rexistro de inspeccións: data, motivo, número de acta e identificación do veterinario actuante.
- h) Identificación das persoas ao coidado dos animais.
- i) Enfermidades infecto-contaxiosas ou outras con repercusión sobre a sanidade animal e a saúde pública.
- Para cada animal identificado individualmente presente na explotación:
- a) Código de identificación (transpondedor) de cada animal (23 díxitos).
- b) Especie, raza, sexo.
- c) Número permanente único.
- d) Data de alta na explotación (nacemento ou incorporación).
- e) Data de baixa na explotación (saída ou morte).
- f) Se é o caso, número de rexistro de explotación de orixe.
- g) Se é o caso, número de rexistro de explotación de destino.
- h) Se é o caso, nome, apelidos e DNI da persoa propietaria.
- i) Se é o caso, sinatura, selo e código de identificación da persoa veterinaria que realizou a identificación.
- j) Para cada animal incorporado: nº de documento sanitario de movemento, se é o caso, identificación do transportista e nº de matrícula do vehículo.
- k) Para cada animal que cause baixa por venda: número de documento sanitario de movemento, se é o caso.
CAPÍTULO III
PASTOS DE USO EN COMÚN
Artigo 12. Organización dos pastos de uso en común
- As persoas titulares de dereitos de aproveitamentos de pastos en terreo forestal, incluídas as comunidades de montes veciñais en man común, que queiran prohibir ou regular o exercicio destes dereitos deberán solicitar ao órgano forestal competente a inclusión dos terreos sobre os que se prohibe ou regula o aproveitamento gandeiro no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, conforme a normativa que lle resulte de aplicación ao dito rexistro. A inscrición no rexistro determinará que a prohibición ou regulación realizada polo titular terá efectos administrativos fronte a terceiros.
- As persoas titulares de dereitos de aproveitamentos de pastos, incluídas as comunidades veciñais en man común, que consintan a realización do aproveitamento destes pastos en común, deberán acometer directamente a organización do uso no correspondente instrumento de ordenación ou xestión forestal ou plan de aproveitamento silvopastoral, de ser o caso, ou ben establecer condicións de pastoreo e proceder á súa inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, cando o pasto de uso en común se asente sobre terreos forestais.
Artigo 13. Obrigas específicas dos propietarios dos animais que aproveiten os pastos de uso en común
- Os propietarios de animais das explotacións incluídas en pastos de uso en común, ademais do cumprimento xenérico das obrigas atribuídas a to